Friday 03 de May de 2024

Aitor Bouza reclama ao goberno local a creación dun grupo de traballo para a posta en marcha de Emuvissa e “realizar conxuntamente un plan específico de vivenda”


Bouza acusa a Borja Verea de facer “populismo” ao falar de vivenda pública e lembra que a Xunta deixou sen gastar o 50% do seu orzamento en materia de vivenda “uns orzamentos que el votou como deputado”

“O que non pode ser é o que estamos vendo aquí en Compostela: cero vivenda pública na realidade dende que o Partido Popular está na Xunta” denuncia

Un grupo de traballo “para coñecer de maneira clara cales son as propostas e cal é o obxecto” de Emuvissa é o que propón Aitor Bouza ao goberno local en aras do “diálogo”. Así o explicou este sábado, logo de que esta semana o executivo de Sanmartín anunciase a constitución da Comisión Especial para a recuperación da empresa municipal de vivenda que xa iniciara o goberno socialista. Bouza entende que é necesario “traballar conxuntamente” para realizar un “plan específico de vivenda coordinado” no que “todos os axentes sociais poidamos ser partícipes”.

O secretario xeral dos socialistas composteláns reivindicou o compromiso do PSOE coas políticas de vivenda, recordando que este fora un dos elementos centrais no programa específico de Santiago nas eleccións autonómicas. Bouza que acusou ao deputado do Partido Popular e portavoz en Raxoi, Borja Verea de practicar o “populismo” cando se trata esta cuestión, lembrándolle que o 50% do orzamento da Xunta de Galicia en política de vivenda quedou sen executar.

“Menos discursos e máis recursos”

Bouza amosouse especialmente crítico coa xestión da Xunta do Partido Popular en materia de vivenda, e sobre todo en Santiago con “cero vivenda pública na realidade” desde que gobernan. “Pedímoslle á Xunta que asuma as súas competencias e que asuma a política de construción de vivenda pública que lle corresponde” afirmou o socialista que asegura que os feitos poñen de manifesto que o PP “non quere nin desexa ter unha política pública de vivenda de calidade”.

Fronte a “política de caos absoluto do PP” que denuncia Bouza, insta ao goberno local a desenvolver “coas súas armas” unha política pública “de calidade” e, para iso, precisa “ten que por as cartas sobre a mesa para poder ter unhas medidas específicas”.